Actualidade do Clube

Toda a actualidade institucional e deportiva do clube

Dúas de ouro e unha de prata

Voltamos de A Pobra con dúas medallas de ouro e unha de prata no saco e a clasificación dos tres barcos directamente para o Campionato de España que se disputará o próximo fin de semana na E.T.E.A.

Google +

Será sen dúbida un fin de semana difícil de esquecer para o noso Clube: se na tarde anterior vivimos a cara amarga coa desgraciada eliminación do equipo Xuvenil feminino, o deporte quixo devolvernos esta mañá un doce coas vitorias das tripulaciones Promesa feminina e Xuvenil masculino e a segunda praza das Absolutas para completar un Campionato Galego difícilmente mellorable para o C.R. Chapela.

Campioas en Promesas

Chapela e Vilaxoán partían a priori como favoritas en base ás sensacións da clasificatoria da tarde anterior (na que se impuxo Chapela por un segundo ás arousanas) polo que se prevía un duro man a man entre elas coas do norte (Cabo, Esteirana e Riveira) á espera dunha oportunidade. As previsións confirmáronse e a final decidiuse a favor das nosas tras un gran primeiro longo onde obtiveron unha lixeira vantaxe que non deixaron escapar no longo de volta. As vigentes campioas de Vilaxoán ocuparon o segundo posto con Esteirana completando o podio de honor.


Subcampionas Absolutas

As Absolutas, sempre competindo ao máis alto nivel ano a ano, protagonizaron a seguinte boa noticia do día ao conseguir o segundo posto tras unha loita pechada con Cabo e con Mecos que se decidiu a favor das de Boiro por menos dun segundo en meta pese a un gran esforzo no último longo das nosas beretes.


Campións Xuvenís

E como non hai dous sen tres, outra regata decidida nas últimas paladas outorgou o campionato aos nosos Xuvenís por preto de dous segundos sobre Cabana, que nos esixiu ata o final, e oito segundos por diante de Cabo que non puido seguir o ritmo nos dous últimos longos. Premio máis que merecido a unha tempada moi regular do equipo Xuvenil.


Vila de Cangas (Xuvenil feminino)

As mozas de Vila de Cangas confirmaron as boas sensacións da tempada impoñéndose claramente por 9 segundos a Cabana e por 18 a Cabo. Presentan así candidatura ao nacional onde van dar guerra seguro.

Cabo (Infantil masculino)

Outra regata con "foto finish" deu a vitoria en categoría Infantil masculino a Cabo sobre Rianxo, que chegaron no mesmo segundo. Bueu completou a terna a nove segundos. Mágoa que o sucedido a Mecos na clasificación privásenos de velos competindo na final.

Robaleira non tocou podio por menos dun segundo pero, aínda que non sexa medalla, o premio á mellor afección é para eles sen dúbida. Grazas a eses "tolos de amarelo" non hai regata nin equipo que se quede sen animar.

Meira (Senior masculino)

Finalizando unha serie de finais moi emocionantes, C.R. Meira impúxose en Senior sen dar opción aos seus rivais sendo os mellores en cada longo. Tirán e Cedeira acompañaron aos moañeses no podio.


Ligazóns


Arquivos

Google +